En Tarragona extinguíronse as poucas brasas que quedaban de esperanza polo ascenso. E o que é peor: confirmouse que o modelo rañetas de Antonio López non serve. Pensemos un instante no partido contra o Nàstic. O Celta xogou con covardía, arriscando ben pouco, conservando sempre moitos homes por detrás do balón. A idea era protexer a Esteban e esperar. Diante, os tarraconenses facían un xogo semellante nunha homenaxe ao fútbol insípido.
Xa no último terzo do encontro, Jesús Perera consegue escapar pola banda esquerda e cederlle a Antonio Núñez un gol que todo o mundo consideraba definitivo. Todos? Non. Nin o público de Tarragona nin o técnico adversario, César Ferrando, tiñan tan claro que o Celta sería capaz de aguantar o resultado. Porque iso foi o máis lamentábel. López nin sequera tentou o contraataque, nin sequera confiou na clara superioridade dos seus xogadores en todos os niveis para rematar o partido. Conformouse con aguantar, con resgardarse no propio campo esperando ao minuto 90.
Este compromiso co medo era tan leal que nin sequera mudou a estratexia cando o Nàstic empatou. López tirou un dianteiro do campo para xogar co trivote. Para que? Seguramente, para darlle azos ao Nástic e provocar o terror nas propias fileiras; como resultado, o 2-1 definitivo.
Esta última derrota explica bastante ben o modelo de fútbol de Antonio López des que colleu o posto de Juan Ramón López Caro case "por compromiso". O andaluz sempre manifestou un fastío incomprensíbel como se cada vez que adestra un sádico dentista lle andase a xudiar coas moas. Esqueceu os discursos optimistas ou firmes en defensa da calidade do equipo e renunciou á carreira polo ascenso moito antes do razoábel, incluso para os máis pesimistas. O abandono da guerra foi fundamental para explicar a desidia do equipo en partidos clave (contra o Albacete ou a Real Sociedad, por exemplo). É máis. Pareceu sempre que o cambio de ritmo que o equipo experimentou diante do Spórting ou na vitoria contra o Numancia en Soria respondían máis a decisións de grupos de xogadores que a unha dinámica imposta desde o banco.
Ramón Martínez e Carlos Mouriño deberían explicar se o modelo de López é o que queren para o club nesta dolorosa transición cara á nova tempada. É lóxico que só Michu teña oportunidades de entre todos os rapaces da canteira? É lóxico que se venda unha imaxe de agonía permanente diante dunha afección decimada e cansa? Non digo que haxa mellores solucións. Nin sequera me atrevo a preferir a actitude "Braveheart" de Vitolo. Só me pregunto se o Celta do ano que vén xogará a "Superviventes" cun técnico-sarxento como López ou terá algo máis de "Fama", é dicir, de academia de novos talentos, deses que gañan domingo si domingo tamén en Barreiro co Celta B.