H. Vixande . Mais que bilingüismo, en Galiza existe un problema de diglosia, afirman os especialistas. Trátase, din, dunha situación de coexistencia de dúas linguas que non están no mesmo plano, senón que unha delas ocupa o espazo social de prestixio e gaña terreo e número de falantes de forma paulatina.
Con todo e debido á especificade do termo, moitos lingüistas prefiren empregar outras palabras menos acaidas pero moito máis comprensíbeis para o público, como bilingüismo. O columnista político Damián Villalaín propuxo optar polo termo de bilingüismo non só para describir a situación que se dá no noso país senón tamén para aproveitar o prestixio social desta palabra e lembrar que os únicos bilingües en Galiza son os falantes habituais de galego, que ademais de dominar esta lingua son quen de expresarse en castelán –fronte aos que usan o español, que sempre son monolingües. “Non teño claro que un concepto de uso académico como diglosia sexa o máis pertinente para unha estratexia comunicativa tendente á normalización lingüística”, sinala Villalaín.
Panel sobre as linguas na Casa das Palabras.
“A diglosia implica certa subordinación dunha lingua a outra –explica o filólogo Henrique Monteagudo–, quere dicir que hai dúas linguas pero non nunha situación equitativa por razóns sociais, polo status oficial ou pola súa presenza pública. Esa desigualdade é aplicábel ao galego na súa relación co castelán”. A asimetría entre as dúas linguas é a que leva a algúns lingüistas a considerar que o termo bilingüismo pode inducir a erro e dar que pensar á sociedade que as dúas linguas están na mesma situación.
O presidente da Asociación Socio Pedagóxica Galega, Antón Costa, sinala que “na definición tradicional a diglosia é a situación social en que dúas linguas coinciden nun mesmo espazo e tempo mais non nunha situación de igualdade, senón que unha acapara os usos considerados máis elevados socialmente e a outra fica restrinxida a usos de carácter máis informal ou familiar, tendo en consideración que a lingua A, a socialmente máis considerada, non renuncia a ocupar os espazos da lingua B, pero esta ten completamente vedados os usos e espazos da lingua A”.
Entre os lingüistas, case non hai diferenzas cando se trata de definir a palabra. Mesmo a presidenta de Galicia Bilingüe, a filóloga Gloria Lago, sinala que “aínda que as definicións da Real Academia Galega e da Real Academia Española parten dun enfoque diferente, basicamente poderíase considerar que nun territorio ou por parte dun individuo prodúcese unha situación de diglosia cando unha das linguas do territorio goza de máis prestixio ou privilexios sociais ou políticos”. Neste sentido, Gloria Lago non nega unha situación de desigualdade na que se ve inmerso o galego, aínda que sinala que “hoxe en día, en Galicia poderíamos considerar que unha porcentaxe apreciábel de cidadáns galego falantes aínda están nunha situación de diglosia ao percibir que a súa lingua goza de menos prestixio social”.
Estratexia comunicativa
Activistas en defensa do idioma como o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, defenden o uso de termos como diglosia porque, afirma, todas as persoas menores de 40 anos aprenderon na escola o significado da palabra e as súas implicacións. “Dixéronme que a coñecen todos os menores de 40 anos; non o sei, eu teño 50”, ironiza Damián Villalaín.
Henrique Monteagudo coincide con Villalaín e sinala ademais que “tecnicamente, hai algúns aspectos que non se dan aquí, aínda que é certo que conviven dúas linguas sen equiparación sociolingüística”.
Descargar Tarifas