Rodri Suárez . O combinado galego de básquet masculino será o primeiro en xogar un torneo fóra do país. Será en Girona en xuño xunto a Cataluña, Euskadi e outro rival. As mulleres disputarán a mesma competición en Santiago en maio, con Portugal como probábel cuarto participante.
Viaxar é o mellor xeito de facerse maior. E as seleccións de Galiza alcanzarán a madurez en poucas semanas. O combinado galego absoluto de baloncesto masculino será o primeiro que na época moderna dos equipos do país saia fóra a disputar un torneo. Un rexistro histórico que, segundo a directora xeral para o deporte da Xunta, Marta Souto, non será o único. “Hai outras federacións traballando neste sentido e seguro que haberá máis desprazamentos cedo”, asegura. Nin sequera pecha a porta a que un deles sexa co fútbol. “A seguinte pode ser nunha disciplina baixo teito, ou non”, limítase a dicir para manter o misterio. Pero o tema é o baloncesto. Que non se pecha coa saída dos homes senón que tamén engade un torneo internacional feminino en Santiago no mes de maio. As seleccións galegas medran. O equipo do baloncesto galego masculino disputará en Girona o I Trofeo das Nacións xunto a Cataluña, Euskadi e outra selección por confirmar. Terá lugar o 6, 7 e 8 de xuño. Pero antes quere celebrar un partido na Coruña. E o adversario podería ser Portugal, que ten como seleccionador a un galego, Moncho López. Sería antes da viaxe a Catalunya. Pola súa banda, o conxunto feminino será o anfitrión do mesmo torneo en Santiago o 16 e 17 de maio. Tamén haberá un cuarto participante. “Tamén queremos que sexa Portugal”, asegura Francisco Martín, presidente da Federación Galega, que anunciou os eventos xunto a Marta Souto. O torneo se xogará con semifinais e final e coincidirá coas celebracións polo Día das Letras Galegas. A directora xeral quixo felicitar á galega de baloncesto pola súa xestión para organizar e participar nesta competición: “Queremos aplaudir este traballo que se está facendo dende a federación porque coincide coa nosa liña de traballo de situar as seleccións galegas en torneos internacionais”. Francisco Martín tamén aproveitou o acto para anunciar a identidade dos seleccionadores galegos. Diego Ocampo Álvarez, actual segundo adestrador no Akasvayu Girona de ACB, dirixirá á selección masculina coa colaboración de Rubén Domínguez Domínguez, do Leite Río Breogán. O combinado feminino estará a cargo de Miguel Méndez, adestrador do Real Club Celta Vigourbán de Liga Feminina e actual Seleccionador Español Sub19. A axudante de Méndez será, neste caso, Xulia Pena Coto, adestradora do Durán Maquinaria Ensino de Liga Feminina 2.
Selección galega de baloncesto.
Descargar Tarifas