PUBLICIDADE
Venres, 03 de setembro de 2010
9M. Campaña
Touriño: 'O galeguismo non é un falso tira e afrouxa co Goberno'

E. P Reclama ás mulleres que voten "en contra do partido que votou en contra" da Lei de Igualdade.

Reloxo 02.03.2008 | 14:15
TAGS: 9M , campaña , mitin , Toruiño , galeguismo ,

Pérez Touriño e o ministro de Cultura, César Antonio Molina Pérez Touriño e o ministro de Cultura, César Antonio Molina. AGN

O secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, advertiu hoxe de que o galeguismo non é "facer abstraccións falsas, nin ecuacións nin tiras e afrouxas falsos co Goberno do Estado", tras o cal concluíu que o galeguismo "real e pleno" consiste en facer da comunidade "un país cada día mellor para os seus cidadáns".

Nun mitin de campaña en Santiago de Compostela, o dirixente socialista incidiu en que "galeguismo e socialismo" é facer de Galicia un país "solidario e cooperativo co resto do España e de cidadáns cada vez máis libres e iguais". Ademais, e sen citar en ningún momento a ningún partido, incidiu en que galeguismo "non é facer solitarios en política".

Cando queda unha semana "para decidir o futuro de España", Touriño dirixiuse "de xeito moi especial ás mulleres de Galicia", ás que pediu que voten ao Goberno e ao presidente que puxo en marcha a Lei de Igualdade "e en contra do partido que votou en contra" desta normativa, en alusión ao PP.

Ao igual que onte fixo cos mozos en O Barco, nesta ocasión o líder socialista centrouse nas mulleres e tamén lles pediu o seu apoio polo compromiso de José Luis Rodríguez Zapatero para poñer fin á lacra da violencia de xénero e por poñer en marcha a lei de dependencia, xa que as mulleres son ás que "maioritariamente" lles toca "deixar esforzo e horas en atender aos dependentes".

Ante o medio millar de asistentes ao mitin, entre os que había numerosos altos cargos da Xunta, Touriño reclamou tamén especificamente o voto dos "cidadáns sensatos e moderados" que saben que a política "non pasa pola confrontación, pola división, por crear cada día alarma e desconfianza" nin por "utilizar de xeito indecente a loita contra o terrorismo para o rédito electoral".

Capital cultural

Na capital galega e acompañado polo ministro de Cultura, César Antonio Molina, Touriño non fixo referencia expresa ao proxecto da Cidade da Cultura, aínda que si apostou por que Santiago "siga sendo o motor do cosmopolitismo" e a "punta de lanza cultural" de Galicia e augurou que con Zapatero en La Moncloa e Molina de ministro a cidade "será unha capital permanente da cultura europea".

Así mesmo, apostou por converter Santiago no "epicentro das comunicacións" de Galicia e referiuse á posta en marcha da Autovía Santiago-Brión; á autovía a Teo, que "nuns meses será posta en servizo"; á execución da Autovía Santiago-Lugo; e ao compromiso de Zapatero de ampliar a AP-9, que permitirá "afrontar o Xacobeo 2010 sen atoamentos".

España negra

Pola súa parte, o ministro de Cultura e cabeza de lista do PSOE ao Congreso por A Coruña, César Antonio Molina, asegurou que lle custa entender "en qué país vive o PP" cando pinta "unha España negra, rancia e que, afortunadamente, quedou atrás hai varias décadas". Para el, a realidade actual é a dun pobo que crece e que se atopa "entre as oito economías máis fortes do mundo".

"Non podemos consentir que a dereita española goberne", resaltou Molina, que criticou duramente ao PP. Así, acusoulle de "denigrar" á xente da cultura, aos creadores, aos intelectuais, aos profesores de universidade, aos alumnos, a empresarios e a traballadores. "Pregúntome que lle fixemos ao PP para que sempre estea a dubidar da nosa capacidade", engadiu.

Fronte a iso, o candidato socialista asegurou que o Goberno de Zapatero é "de fiar" e converteu España nun "país que é admirado en moitos países". "Necesitamos un Goberno socialista outros catro anos", incidiu, para así poder seguir avanzando en educación, cultura, solidariedade, igualdade e xustiza social.

 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río