
O citado xogo Microsoft-Yahoo!, ou Ballmer-Yang, comezou como unha historia de amor interesado, na que o rico e todopoderoso pretendente acudía na axuda dun antigo líder vido a menos cos anos (e coa aparición de Google). Así, o venres 1 de febreiro Ballmer sacaba a carteira e puña enriba da mesa 30,000 M € para mercar o falso amor de Yang, un confeso anti-Microsoft.
Con tantos ceros e acostumados nós a pensar en pesetas, os 30,000 M €, ¿son moito ou pouco? Pois ese venres parecía e era moito, exactamente un 62% máis do que valía o portal en bolsa, é dicir, do que alguén estaba disposto a pagar por el so uns minutos antes. Sen embargo, o pasado sábado 9 xa se filtraba a través so sobranceiro Wall Street Journal a negativa de Yahoo!, o seu “non” á segunda operación máis importante da historia de Internet.
E tralo xogo inicial de sedución e o fracaso do amor interesado, ¿que vai pasar? ¿acaso morreu o conto tras ser pronunciado o contrario ao “si quero” en pleno altar das bolsas mundiais? Pois non, coma non podía ser doutra forma, o conto segue e o xogo continúa, se ben non sabemos como acabará a cousa.
Por unha banda, uns din que o “non” so era un “non, pero si”, é dicir, 30,000 M non son nada e “dame máis que os meus fillos queren ir a universidade (á de Stanford, como Yang)”. Outros, pola contra, afirman que Jerry e os seus morrerían cen veces antes que casar unha co enchoupa camisas Ballmer.
Así e todo, os invitados á non celebrada voda, sobre todo os especuladores e hedge funds que meteron os seus cartiños en Yahoo!, esperando un tira e afrouxa rápido que “animase” aínda máis o valor das súas accións, teñen moito interese na reconciliación dos pretendentes, polo cal están dispostos incluso a denunciar a Yang e os seus por non mirar polo interese dos pobres accionistas, para desa forma obrigalos a cambiar o “non quero” polo “si, meu amor e queridos accionistas”.
Microsoft, claro está, non acepta un non por resposta, e chegados a este punto segue xogando, pero a outra cousa. Cambiou do “dame un biquiño, meu amor, xa verás como che gusta”, polo “corre corre que te pillo”.
Non sei vós, pero eu non querería estar agora na pel de Jerry Yang, cun gordiño e calvo Ballmer, coa camisa enchoupada -paradoxicamente, un verdadeiro yahoo dos de Gulliver de Swift- correndo tras del para amalo e respectalo ata que a bancarrota os separe.
Descargar Tarifas