Ana Camiño . Xunta e Concello presentaron a marca de calidade na praza de abastos de Compostela.
pescadeRias.
Pesca de Ría, de onde senón?, é a nova marca de calidade da Xunta de Galicia que abrangue 99 especies de peixes, moluscos e mariscos capturados polo sector tradicional.
A campaña foi presentada hoxe na praza de abastos de Santiago de Compostela, “a mellor praza do mundo”, segundo lle dixo unha das vendedoras ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
As vendedoras de peixe chancearon co presidente, o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, sobre a calidade do peixe, a nova campaña ou os prezos da mercancía.
24 horas fora do mar
Segundo indicou Touriño durante a presentación, non pasarán máis de 24 horas entre a captura do peixe desta nova marca de calidade ata a súa primeira venda.
Deste xeito, indicou o presidente autonómico, o produto “garante un nivel de frescura extra”, no que tamén coincidiron Gallego e Bugallo.
Visita ás praceiras
Tras a presentación da nova marca de calidade, Touriño, Bugallo e Carmen Gallego percorreron os postos de venda de peixe do mercado compostelán.
Entre os focos da prensa e os móbiles das vendedoras que se achegaron para fotografar o evento, charlaron coas praceiras, que mesmo fixeron as súas propias peticións: “Un toldo novo, alcalde, que non vas volver ata as próximas eleccións”.
Descargar Tarifas