PUBLICIDADE
Xoves, 09 de setembro de 2010
Retrato dun colonizado
 11.02.2010 | 12:39

Descoñece un o proceso psicoideolóxico e mental que dá pé a que unha persoa oriúnda de Palas de Rei, na Galiza, nun contexto sociolingüístico abrumadoramente galego-falante, pase, ao acadar responsabilidades ministeriais en Madrid, a esquecer tan de súpeto o idioma propio do país que o viu nacer, e mesmo a lle eliminar o carácter de lingua oficial no nome –suponse- dun “moderno” cosmopolitismo no que só teñen cabida o inglés e o español.

Vén isto a conto pola irrefutábel proba de bilingüismo harmónico, iso si, en español e en inglés, co que de xeito oficial e solemne, tivo a ben convidarme o ministro de Fomento, Xosé Blanco, á xornada “Por un mar más limpio y seguro” (“For a cleaner and safer sea”) a desenvolver na Coruña o 12 de Febreiro. O galego non existe, seica non ten o suficiente “glamour” para un evento destas características. Asina o convite, todo cheo, nada menos que “The Ministry of Development”, que tamén é “El Ministro de Fomento”. Lamentabelmente, quen isto escribe non asistirá a este magno e formidábel encontro, simplemente porque non gosta de que desprecen, por moi ministros que sexan, o idioma e o pobo ao que pertezo. Por certo, teño comprobado unha actitude lingüística ben diferente por parte dos ministros cataláns cando visitan o seu país, nas súas declaracións públicas e no seu comportamento institucional. Mais na Galiza todo lles vale.

Supoño que o conselleiro de Cultura, o secretario xeral de Política Lingüística e o resto do Goberno do PP, estarán botando foguetes. Porque este bilingüismo amábel con paulatina introdución do inglés que practica con tanta soltura o ministro de Fomento, aínda que sexa nativo de Palas de Rei/King’s Cave, sen dúvida vai resultar positiva para derrubar as fronteiras e limitacións dunha cultura que, como a galega, padece tal grao de ensimismamento que provoca, entre outros, problemas de fanatismo ideolóxico, fracaso escolar e fechamento mental e físico nos cativos lindes dese pano de grelos chamado Galiza.

É máis: Confío en que esa conduta lingüística vai ser do agrado da tan mentada como indefinida “maioría silenciosa” coa que o PP, parece ser, mantén fluida interlocución e certeira interpretación da súa opinión univocamente emitida en episodios tan lamentábeis como a minoritaria e violenta folga de ensino que o 21 de xaneiro asolou o noso país.

Así, a Secretaría Xeral de Política Lingüística seguro que vai parabenizar o ministro de Fomento por esta mostra de infinito galeguismo de concordia (que non estéril nacionalismo de confrontación) que emana tanto desta como doutras actuacións, tanto públicas (orais) como escritas, e até en materia toponímica deste departamento do goberno español que ten a ben rescatar, para a sinalización das estradas galegas, nomes tan evocadores como os de La Coruña, La Estrada, Puentecesures, Villagarcía de Arosa, Noya ou La Guardia.

Intolerancia e negación do propio. Fascinación paifoca polo alleo. Auténtico retrato do colonizado.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río