Redacción . Dezasete fotografías integran a nova serie do fotógrafo, titulada Recreo.
Unha das imaxes de 'Recreo'.
"É un bambán para volver á infancia, un espazo nebuloso, abstracto, onde o protagonista é sempre o xogo, os xogos, os nenos”. Así presenta Vari Caramés a serie Recreo, que dende este martes 22 de xaneiro acolle a Galería compostelá SCQ. As fotografías transpórtannos a un lugar común da memoria colectiva, onírico: a infancia. A xeito de estímulo para o flash back do espectador, non só deteñen o tempo: invérteno.
A galería convértese en patio de recreopara sacarmos a xogar aos cativos que temos dentro: lugares, obxectos e instantes efémeros convértense en material poético: bambáns, randeeiras, balancíns, atraccións de feira... Todos envolvidos nunha néboa que os distorsiona e lles outorga certo carácter efémero.
"É a miña pequena homenaxe á infancia, paraíso perdido (non de todo), xa que os meus soños e a miña actitude perante a vida impídenmo. Convídovos a baixardes pola randeeira e seguirdes sendo nenos unhas horas máis", di Caramés. Para esta peculiar mostra empregou tanto cor como branco e negro, pero sempre certo tratamento pictoricista e suxestivo, que insinúa sons, voces e silencios. A mostra poderá visitarse até o 22 de febreiro, de luns a venres no seguinte horario: de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00. Tamén os sábados con cita previa.
Descargar Tarifas