PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
Suso
Baleato
Administrador de Sistemas
Misteriosa adxudicación multimillonaria da Xunta a Microsoft
Corrupción tecnolóxica na Xunta
Financiou Microsoft a sucia campaña electoral de Alberto Núñez Feixóo? Por que motivo este político incumpre o seu compromiso para implantar estándares abertos e software libre na Xunta?
 16.06.2009 | 07:58

Corrupción causada pola financiación dos partidos políticos Corrupción causada pola financiación dos partidos políticos. Ubuntips cc-by-nc

Segundo a lexislación electoral dos Estados Unidos, calquera contribución en efectivo á campaña dun partido político superior a 100 dólares é ilegal: as contribucións económicas deben declararse e deben ser publicamente coñecidas.

Grazas a esta elemental norma de transparencia sabemos que é unha práctica habitual de Microsoft a de financiar campañas electorais naquel país tornándose así nunha das organizacións con maior influencia na formulación (e na posta en práctica) das políticas públicas norteamericanas en materia tecnolóxica. O caso máis coñecido é o apoio financieiro que lle prestou esta multinacional á campaña de George W. Bush, quen despois de gañar as eleccións anulou a condena xudicial por prácticas monopolísticas que lle fora imposta a Microsoft durante a lexislatura anterior.

No Estado español, en cambio, a obriga de declarar as contribucións económicas ás campañas electorais dos partidos políticos non existe na práctica, o que potencialmente se torna en fértil caldo de cultivo de corruptelas e prácticas que bordean –cando non vulneran– a legalidade vixente en materias como a contratación pública ou a especulación urbanística -asunto este último do que Cangas do Morrazo é un exemplo claro.

Nas últimas semanas puidemos constatar como a Xunta adxudicou máis de dous millóns de euros a Microsoft en contra do sentido común, en contra das promesas de austeridade, en contra dos máis elementais controis burocráticos (adxudicación sen concurso e sen publicidade) e, sobre todo: en flagrante incumprimento dos compromisos electorais adquiridos polo candidato do PP para promover o software libre na Xunta; compromisos que foran ademais asinados do seu propio puño e letra.

A existencia dun hipotético apoio financieiro de Microsoft á campaña electoral de Núñez Feixóo para as pasadas eleccións autonómicas ofrecería unha explicación lóxica e racional á contradición presente entre as promesas e os feitos reseñados; unha hipótese que cumpriría verificar. No caso dos Estados Unidos, bastaríanos consultar as bases de datos públicas de financiamento dos partidos políticos para comprobalo; mais no caso do Estado español esta opción non existe. A que mecanismos podemos recorrer entón para esclarecer esta sospeita de corrupción que se cerne sobre a política tecnolóxica na Xunta?

Na miña opinión, unicamente a presentación dun proxecto de migración da Xunta a software libre con prazos ben definidos e coa súa correspondente dotación orzamentaria podería disolver de vez todo rastro de dúbida. Calquera outra opción semellará a estas alturas mais ben unha escusa para non cumprir os compromisos adquiridos por Alberto Núñez Feixóo durante a campaña eleitoral.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río