Xurxo González . O crecente consumo multiplicou os proxectos de novos rutas, entre as que se conta un novo gasoduto entre Alxeria e Almería.
O tópico de que as guerras se fan alí onde hai petróleo está amplamente asumido, o que non lle resta, en moitos casos, veracidade. Quizais non en moitos anos se estenda tamén o tópico das guerras polo gas. A tensión entre Rusia e a Unión Europea polo corte de subministro supón o último episodio dunha historia que ten como fío argumental o control das rutas da enerxía. O gas natural, pese a ser coñecido desde o comezo da Idade Moderna, só se comezou a empregar de xeito masivo para a produción de calor e electricidade hai 30 anos. O principal obstáculo para a súa popularización foron as dificultades para o transporte, debido ao seu estado natural gaseoso, que impedía o traslado a grandes distancias de xeito seguro e sen perdas. Durante os últimos anos a tecnoloxía superou estas eivas, e o consumo e a importancia dos produtores vén medrando de xeito rápido e continuo. As principais vías de transporte desta materia prima son os gasodutos e a marítima, neste caso en estado líquido para aforrar espazo. A construción de buques destinados a este cometido precisa dunha industria especializada e avanzada, e pode ser unha das alternativas de futuro do estaleiro Astano, en Fene, como o enxeñeiro naval Ramón Yáñez indicaba nunha recente entrevista en A Nosa Terra. Rusia prové desta materia prima ás principais potencias europeas (Francia, Alemaña e Italia) e aos países do leste da UE, nalgúns casos de xeito monopolístico (como Bulgaria ou Romanía). España non sufriu a última crise porque os seus principais fornecedores son os países árabes, en especial da veciña Arxelia. Este país magrebí achegou en 2007 o 37,2% do gas consumido no Estado, mentres que outro 26,6% chegaba doutros países árabes, como os do Golfo Pérsico, Exipto e Libia. Outros fornecedores importantes son Nixeria (cun 23,6%), Noruega (6,2%) e Trinidade e Tobago (6%). Reganosa, a conexión galega con Alxeria Unha parte importante do gas alxerino entra na península a través do gasoduto Europa-Magreb, que atravesa, pese as diferencias políticas que manteñen ambos países africanos, o territorio marroquí e o Estreito de Xibraltar. O Goberno de Rabat cobra un canon que oscila segundo as fontes entre o 8 e o 12% do gas trasladado. Para evitar esta peaxe, estase a construír un novo gasoduto que conecta a costa oriental alxerina coa da provincia de Almería. Os promotores deste proxecto, cuxa construción comezou en marzo de 2008, prevén que entre en funcionamento ao longo de 2009. As cinco compañías que forman parte da empresa que xestionará o gasoduto (Medgaz) son a empresa estatal alxerina Sonatrach (36% do capital), as de orixe español Cepsa (20%), Iberdrola (20%) e Endesa (12 %) e a francesa GDF Suez. A poderosa empresa Sonatrach xa está presente en España, e aspira a converterse en provedor minorista directo no Estado. En Galiza participa no capital da planta regasificadora Reganosa, situada en Mugardos. A importancia da achega de gas alxerino é tan importante estratéxica e economicamente que condiciona a actitude do goberno e as grandes empresas enerxéticas de capital europeo. Cando en 2007 Sonatrach rescindiu un contrato que concedera a Repsol e Gas Natural para a explotación dun depósito desta materia prima, nin as empresas nin o Goberno español lle deron moita relevancia en público.
O presidente da compañía de gas ucraína Naftogaz, Oleg Dubina, diante dun mapa das rutas dos gasdodutos no seu territorio, o 13 de xaneiro en Kiev..
Algúns analistas interpretaron o corte de gas ruso deste mes de xaneiro a Ucraína, e polo tanto a gran parte da Unión Europea, máis alá do mero conflito entre veciños que disputan polas tarifas. O Goberno de Moscú lanza así un aviso aos seus principais clientes. Actualmente hai varios gasodutos proxectados ou en execución que conectan os seus enormes depósitos de gas con Europa sen pasar por Ucraína. Os dirixentes do xigante asiático buscan axilizar os seus trámites e a súa construción.
Estas novas rutas do gas diversificarán as canles de entrada na UE, pero asegurarán aínda máis o control deste recurso estratéxico por parte de Gazprom, a empresa estatal rusa. A máis importante delas, o gasoducto do Norte de Europa, conectará directamente Rusia e Alemaña a través das aguas do Mar Báltico. Este proxecto ten ao ex-chanceler alemán Gerhard Schröder como unha das súas principais cabezas visíbeis. Schröder foi criticado por aceptar este cargo privado nun proxecto que se xestou politicamente durante o seu mandato político.
A construción desta vía de transporte de gas está prevista para 2010, aínda que a oposición de varios países implicados no seu trazado e inimigos tradicionais de Rusia como Polonia, Letonia, Lituania e Estonia provocaron coas súas alegacións cambios de trazado e atrasos nas obras.
Moitos outros gasodutos e liñas marítimas en proxecto cruzarán nos próximos anos os territorios que separan a UE de Oriente Medio e Asia Central, territorios que actualmente dispoñen das maiores reservas de gas. As tensións políticas medrarán segundo medre a implantación e o consumo deste recurso.
Descargar Tarifas