PUBLICIDADE
Xoves, 09 de setembro de 2010
A coherencia do Mazapán
Durante a noiteboa, como ocorre sempre dende que ese parásito se instalou no meu corpo, o móbil non parou de sonar; tanto que o tiven que poñer en silencio, queimando o último cartucho para modular o rictus de “ímoste matar” que se instalara no rostro dos meus familiares. Non paraban de chegar mensaxes, salvo excepcións, pretendidamente sentidas, orixinais e ata disque simpáticas.
 27.12.2007 | 09:03

Cando as velas da mesa xa estaban a medio gas e a opinión dos comensais era unánime sobre o destrutivo que para a política do noso país teñen sido Rajoy e Acebes, decidín enviarlle a uns cantos coñecidos do PP unha sms que me enviara minutos antes un amigo do Congreso: “Te deseo felicidaz, prosperidaz y una Feliz Navidaz. Con z de Zapatero!” Unha parvada cun único fin, provocar benevolamente.

A resposta dunha compañeira de batallas popular, “pero non é unha festa conservadora?”, fixo que polos inescrutables camiños das miñas neuronas empezase a divagar sobre o sentido de que os ateos ou agnósticos felicitemos estas festas. Na mesa estaban falando agora de mortes e enfermidades, unha charla que non me enganchou, así que seguín dándolle ós miolos sobre as contradicións entre o que me parece a min positivo e o que socialmente aceptamos como tal.

Nun mundo tan superficial tendemos a sacralizar determinados valores e a satanizar outros, sen máis. A coherencia é boa e a incoherencia mala, punto. Tanto que na política creo que a acusación de mudar de opinión, o recurso á hemeroteca, é o camiño máis transitado para desprestixiar ó rival. Valoramos extremadamente que os políticos, década tras década, sigan pensando e dicindo mesmo sobre determinado asunto. En cambio, esta coherencia, se lle queremos chamar así, non é máis que un síntoma de pobreza intelectual, porque só mantén invariable o seu pensamento quen non pensa.

O positivo é que os individuos pensemos, que vaiamos adquirindo información e, a medida que vaiamos coñecendo máis sobre un determinado fenómeno, vaiamos modulando o noso pensamento sobre o mesmo, en definitiva, que sexamos incoherentes co que inicialmente críamos, aínda que coherentes co cada un dos pasos que damos, porque esta incoherencia co punto de partida é síntoma de evolución. Xa na sobremesa, mentres rilaba unha figuriña de mazapán, decidín o meu propósito de ano novo, ser sempre coherente cos meus principios, pero algo máis incoherente cos puntos de partida, que son sempre froito dunha racionalización incipiente. Que fermoso é o relativismo!

Dende o meu agnosticismo militante, Bo Nadal!

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río