Redacción . O dous de novembro é Día de Defuntos. Os cemiterios, alén dos epitafios, son espello da sociedade e da historia. Paga a pena visitalos en vida. Nestas páxinas descríbese o interese e características dalgúns deles.
Ao longo dos séculos as persoas que “pasaban a mellor vida” foron obxecto de culto de distintos xeitos. En épocas contemporáneas esa homenaxe póstuma fíxose en forma de cemiterios, moitos deles convertidos en auténticos mausoleos e, con posterioridade, en monumentos artístico históricos, tanto polos materiais utilizados coma polas formas usadas. As necrópoles tampouco quedaron á marxe do anecdotario e do imaxinario popular, con curiosas dedicatorias e epitafios “post mortem”, convertidos algúns deles nunha extraordinaria fonte de literatura, á que non lle falta o humor. Estes van dende algúns tan clásicos coma “Quererte foi moi fácil, esquecerte imposíbel”, até quen se limita a inscribir a data do pasamento e os anos que tiña esa persoa no momento da súa defunción, pasando por aquel outro que lembra que alí xace “un valente combatente da Batalla do Ebro” ou, algún que pode espertar un sorriso en quen o contemple coma “Fúcheste cando mellor o estabamos a pasar”. Non embargante, todo iso é anecdotario popular e xa correron ríos de tinta arredor dos mesmos, dando incluso lugar a curiosas publicacións. Calquera lugar da nosa terra pode ser un magnífico escenario ao longo destes días principalmente, pero tamén o resto do ano, para recrearse cun tipo de arquitectura singular, moitas veces deteriorada pola ampliación ou peche dos camposantos. Entre estes últimos salienta de xeito significativo o antigo de Mondoñedo, unha das provincias do antigo Reino de Galicia. Declarado monumento artístico histórico, o seu vello cemiterio salienta polas formas barrocas de moitas sepulturas e panteóns, pero tamén por conservar aínda a antiga tradición de separar os defuntos en función das súas crenzas, militancia política ou, sinxelamente pola súa postura ante o poder eclesiástico. Así, ao se achegar ao camposanto da cidade do Masma distínguese perfectamente a zona laica da cristiá. Tamén é un magnífico lugar de encontro do mundo da cultura galega. Alí repousan os restos de Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga e Álvaro Cunqueiro. Poucos cemiterios poden presumir de tantos e tan insignes defuntos. O primeiro deles foi relegado no século pasado a parte non sacra da necrópole, xa que estaba acusado de masón e a oficialidade eclesiástica da época non llo perdoou. Outros cemiterios que destacan na provincia de Lugo son os de Goiriz e Román, no concello de Vilalba. Os dous están situados en terra de canteiros, polo que os adornos en pedra de cantería son un dos seus principais atractivos. No caso de Goiriz, o seu camposanto goza da protección oficial ao estar declarado monumento histórico artístico, mentres o de Román, auténtica terra dos especialistas da pedra, salienta por ser un dos moitos que rodea a igrexa parroquial. Cruces de pedra que as bordean e grandes torres de cantería chaman a atención, así coma os perfectos acabados que son contemplados por máis dun século de historia. Non é menos fermoso na singularidade monumental o de San Xoán de Alba, tamén na Terra Chá, aínda que esta combínase cunha postmodernidade do mármore escuro, que tiña o único ánimo de rehabilitar os antigos nichos, pero que racha, en certa medida, co resto da harmonía que ten este camposanto. No seu exterior, pódese observar un fermoso monumento en honra aos Caídos “por Deus e por España”, que lembra os veciños desta parroquia chairega que morreron nesa guerra que, se cadra, nunca foi a súa. De semellantes características ao de Alba, é o de Lanzós, en terras de transición cara a o derradeiro recuncho da Chaira. O antigo cemiterio que, ao igual que outros da zona, rodeaba a igrexa foi pechado hai máis de medio século. Consérvase unha parte importante do mesmo debido a que nas obras de demolición foi encontrado un corpo incorrupto. Os traballos foron parados ao entender as autoridades eclesiásticas que aqueles restos pertencían a unha persoa que acadara a graza da santidade.
Cemeterio de San Xoán de Alba (Vilalba).
1 / 2
Arte relixiosa
Descargar Tarifas