Redacción . Giana Gomes Rodrigues e Ugio Caamanho Sam-Tisso serán xuzgados o 3 e 4 de novembro na Sala do Penal da Audiencia Nacional de España, presidida polo xuíz Javier Gómez Bermúdez. Detivéranos en Compostela hai tres anos acusados da colocación dun artefacto explosivo que estourou na sede central de Caixa Galicia na cidade, provocando importantes danos materiais.
Logo de dous días de incomunicación, ingresaron na prisión española de Soto del Real (Madrid), clasificados como FIES-2 (Fichero de Internos de Especial Seguimiento), réxime penitenciario que esixe a vixilancia total e personalizada, e o rexistro de calquera comunicación do preso ou da presa co exterior. Actualmente, ambos os dous están en primeiro grao penitenciario. As peticións da Fiscalía española no caso de Giana Gomes son de 19 anos de prisión por dous presuntos delitos de "estragos terroristas" e "manipulación ilexítima de vehículo". Para Ugio Caamanho solicita dous máis (21 en total) por "falsificación de documentación". Dende o seu ingreso en prisión preventiva o 25 de xullo do 2005, levan 3 anos e 3 meses privados de liberdade sen seren aínda xuzgados. O Organismo Popular Anti-repressivo Ceivar ofreceu unha conferencia de prensa esta mañá en Compostela para informar sobre o xuízo e a campaña divulgativa que está a desenvolver. Como denuncia o colectivo, o Consello de Ministros impúxolles unha pena engadida á de prisión: a dispersión, ou reclusión en cárceres lonxe de Galiza. "Esta medida política vulnera o artigo 12 da Ley Orgánica 1/1979 General Penitenciaria de 26 de setembro, as disposicións da normativa penitenciaria do Consello de Europa e a propia Constitución Española no seu artigo 25.2", afirman dende Ceivar, polo que a aplicación da dispersión responde "a criterios de represión política, como medida punitiva a maiores da privación de liberdade e como fórmula para estender a represión ao contorno familiar, social e político do preso e da presa". Giana Gomes está agora na prisión de Ávila (a 550 qm.), e Ugio Caamanho en Puerto de Santa María I (1100 qm.). Tamén os militantes independentistas Santiago Vigo e Jose Manuel Sanches foron desprazados a Aranxuez (750 qm.), o que, como denuncian dende Ceivar, "supón para os seus familiares, amigos e amigas o desembolso mensual de cantidades que, en conxunto, oscilan entre os 4000 e os 6000 euros para o pagamento de billetes de avión, tren, autobús, gasolina, alimentación, descanso en hoteis...". Amais sinalan o risco de accidente que carrexa unha viaxe longa para poder realizar unha visita de 45 minutos e poder volver, se cadra, nunha fin de semana, sen tempo para descansar. Dende Ceivar denuncian tamén "agresións por parte de funcionarios, unha restrición absoluta sobre as súas pertenzas e actividades, a redución do número de cartas que escriben semanalmente, roubo de obxectos persoais...". Por iso, dende que se coñece a data do xuízo, en Ceivar organizan asembleas locais abertas. Polo de agora hóuboas en Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Salvaterra de Miño, Boiro, Pontevedra, Ferrol, Compostela, e A Estrada, amais de editaren carteis, follas voandeiras e adhesivos. Convocan tamén a asistencia a Madrid, en dous autobuses, para acompañar ao procesado e á procesada na primeira vista do xuízo.
Anxo Quiroga, Joám Peres e Manolo Caamaño. na conferencia de prensa de Ceivar esta mañá
Descargar Tarifas