Mar Barros . Por cuarto ano consecutivo Sarria convértese no único lugar que acolle parte dunha das iniciativas máis antigas e prestixiosas do Grand Palais de París, o Salón de Outono.
Batendo marcas de participación e con novos espazos para exhibir as obras seleccionadas, inaugurouse a mediados de xullo o Salón de Outono de Sarria. A mostra, que permanecerá aberta até o 23 de agosto recolle traballos de pintura, gravado, escultura e arte mural de máis de 170 artistas procedentes de 14 países do mundo, dende Corea e China até Galiza. Pero a particularidade do Salón de Outono de Sarria fonte a outras mostras con características similares reside na súa vinculación co Grand Palais de París, un dos referentes culturais de Francia. Erixido en 1900 con motivo da Exposición Universal de 1900, o Grand Palais de París representa a modernidade. Na actualidade neste edificio celébranse exposicións de diversa tipoloxía e actos destacado dentro do mundo da cultura e do coñecemento. Unha das súas iniciativas máis importantes é o Salón d’Automne, que se vén desenvolvendo de forma anual case dende o comezo. Polos seus salóns pasaron os artistas que revolucionaron a arte de comezos do século XX, dende as tendencias flauvistas de Matisse e Vlaminchk, até as paisaxes construídas de Cezanne, pasando pola revisión do postimpresionismo. O Salón serviu así para amosar e proxectar as diversas expresións artísticas de cada momento, rupturistas por veces, evolutivas noutras, pero sempre na vangarda. De París a Sarria En 2005, o Salón de Outono desdobrouse fora de París cunha mostra exclusiva en Sarria, atendendo a situación da localidade dentro do Camiño de Santiago e do papel deste último como transmisor de cultura e coñecemento. Ao redor de media ducia de pezas escolmadas polo Comité de Selección do Salón de Outono de París foron exhibidas na Casa da Cultura de Sarria dentro dunha exposición que atendían a eidos diversos. Por vez primeira parte das obras do Salón de Outono de París abandonaron o Grand Palais para mostrarse, baixo a nomenclatura de “Salón de Outono”, nunha vila como Sarria. O impulsor da iniciativa é o escultor Xosé Díaz Fuentes, membro ademais do Salón d’Automne. Díaz Fuentes preséntase tamén como comisario do Salón que se acaba de inaugurar e que nesta edición amplía os espazos de exhibición coa posta en marcha de exposicións paralelas en diversos concellos do Camiño, dende O Cebreiro (Mesón do Cebreiro) a Portomarín (Igrexa de San Pedro), pasando por Paradela (Casa da Cultura), Triacastela (Casa do Concello) e Samos (Mosteiro). Está previsto que en anos vindeiros se amplíe a iniciativa a máis concellos do Camiño. Ademais de amosar as obras dos autores, co proxecto perséguese dar a coñecer o importante patrimonio cultural espallado pola ruta xacobea. Máis de 170 artistas de todo o mundo. Malia todo, o eixe central do Salón volven ser as exposicións abertas en Sarria, no Convento da Madalena e na Antiga Prisión Preventiva. Alí reúnense as pezas de máis de 170 artistas procedentes de diversos puntos do planeta e das máis diversas tendencias e estilos. Como explica Pedro Pardo, vicepresidente do Centro da Unesco en Sarria, o Salón “é unha oportunidade para Galiza de ter unha mostra deste nivel, onde a calidade está garantida”. Nas salas do claustro e da antiga prisión poden verse obras de artistas como André Abram, Simone Couderc, Florence Normier, Jean-François Rieux, Yeva, Petra Swans, Clair Babet, Monique Baroni, Tazine Majda e Stefan Pelmus, entre outros moitos. En Sarria conviven firmas recoñecidas coa de novos talentos porque, como destaca o comisario, Díaz Fuentes, “só se busca a calidade e o proxecto artístico”. A presenza de creadores de Países do Leste está impulsada dende acordos que o Centro da Unesco de Sarria, único que existe en Galiza, ten asinados coas súas embaixadas. Interese do Ministerio Francés.Patrocinado polo Concello de Sarria, a Consellaría de Innovación e a Deputación de Lugo, o Salón contou coa presenza de políticos destacados franceses e membros das embaixadas así como do Presidente do Salón de Outono en París e do secretario xeral da comisión española da Unesco, na inauguración do evento. “Existe moito interese polo Salón fóra de Galiza”, comenta o comisario. “O Ministerio francés está moi interesado nesta iniciativa porque considera que a arte que aglutina o Salón de París é necesario sacala fóra da cidade”, engade.
A Marquesa.
O Salón de Outono de Sarria bebe do espírito sobre o que se creou hai máis dun século o Salón de Outono de París. A capital francesa procuraba revulsivos a principios do século XX e o Salón veu responder en 1903 a esas demandas. Fundado sobre as bases do eclecticismo e da rebelión contra o poder estabelecido e a arte aburguesada, as novas tendencias chegaron ao escándalo cando Matisse e o fauvinismo alborotaron aos críticos. As súa cores estridentes e agresivas e a luz das súas pinturas fixeron que os cualificasen co apelativo de Fauves, ‘feras’ en francés.
Ese afán revulsivo permanece pervive no Salón de Outono de Sarria. Como explica Xosé Díaz Fuentes, comisario da mostra e membro do Comité de Selección do Salón de Outono de París, “segue a existir a procura de innovación e de alterar a orde estabelecida na arte”. Ao seu ver “cómpre buscar a arte no pobo e non nas comodidades das galerías”. “Existe un choque moi forte entre os intereses das galarías e os do propio salón”, comenta, “porque elas están para vender a quen ten unha firma recoñecida. A pintura está considerada como un valor monetario e cómpre, na medida do posíbel, corrixilo”.
Pero a transgresión do estabelecido, no Salón de Outono de Sarria, vai máis alá do papel. Este ano, por vez primeira e froito dunha colaboración entre o Centro da Unesco de Sarria e o Centro Penitenciario de Monterroso, exhíbese dentro do marco do Salón de Outono a obra de 15 internos na explanada do mosteiro de Sarria.
Trátase de arredor dunha vintena de traballos realizados durante un curso de artes plásticas impartido polo propio Xosé Díaz Fuentes no centro penitenciario, de outubro de 2007 a xuño de 2008. “Houbo que aprenderlles dende a facer o debuxo a torcer o ferro”, explica o comisario. Cada 40 días, Díaz Fuentes trasladábase dende Francia para dar clase aos alumnos, “provocar a súa sensibilidade” e “darlles confianza en si mesmos”.
O taller, con vocación de futuro, non é un proxecto pechado e será continuado nos vindeiros meses.
Descargar Tarifas