Tamara Canosa . Este martes celebráronse eleccións na Universidade da Coruña. Elexíamos reitor. E o estudo dos resultados ten, en clave estudiantil, un cariz ben preocupante.
Hai catro anos José María Barja daba unha lección de saúde democrática sendo elexido polo voto masivo dos estudantes (máis do 85% votaron á alternativa de esquerdas nunhas eleccións que pasarán á historia desta universidade por seren nas que máis porcentaxe de alumnos participaron de toda España). Este día catro tan só un 13% de estudantes exerceron este dereito. Tan só 1612 alumnos decidiron apoiar explícitamente a Barja, cando hai catro anos só na facultade de Informática recibira máis de 1000 votos (este martes 234). Qué aconteceu?
Pois foi un cóctel de circunstancias que ten como ingrediente fundamental a desafección deste proceso electoral dos representantes de estudantes. É icompatible pretender que o noso modelo de universidade chegue a 25000 alumnos se non contamos coa participación no proceso dos primeiros interlocutores válidos do estudantado.
Cando Barja presentou por primeira vez a súa candidatura construiuna contando co traballo de todas as forzas progresistas da universidade. Non era para menos, tratábase de operar un cambio imprescindible despois de máis dunha década de clientelismo. O equilibrio de forzas no voto do profesorado estaba tan igualado, que o máis elemental cálculo matemático deixaba claro que o sector clave era o estudantado, que representaba o 25% do voto ponderado. Tratábase de inclinar a balanza co voto non predefinido.
Isto logrouse polo compromiso das asociacións de estudiantes, de IESGA máis concretamente, que desplegou unha campaña informativa sen precedentes na universidade galega. De pouco serve, pensamos, pegar carteis con catro proclamas; a única forma de concienciar ós estudantes da importancia desta cita eleitoral é explicar persoa por persoa qué significaba votar a Barja, qué cambios notarían no seu día a día se chegase ó rectorado quen levaba no seu programa o Estatuto do Estudantado, o Regulamento de Exames…contámoslles, en definitiva, que sí era importante para eles quen ocupase a Maestranza. Isto era fundamental, normalmente as eleccions a reitor están marcadas por un acusado abstencionismo estudiantil, o que ven sempre da man de campañas que os invisivilizan, de candidatos que non saben implicalos, ou que non queren. IESGA fixo algo que pode parecer elemental, pero que ninguén fixera antes: explicou nas clases, nas cafeterías, nas paradas de buses, nos corredores, alumno por alumno, o diagnóstico da universidade que tiñamos e da que queriamos. Barja converteuse, deste xeito, no reitor con maior respaldo estudantil de España. Non foi casualidade.
Parece que si as cousas están tan claras, optando a reelección o candidato debería ter a lección xa aprendida. Pero para esta convocatoria Barja xa non tiña un proxecto tan ilusionante, xa non podía representar a alternativa perfecta porque levaba as súas costas catro anos de xestión, con luces pero tamén con sombras. A asociación de estudantes maioritaria da UDC, Iesga, puxo de manifesto o imperativo de corrixir as actuacións que violentaban os dereitos dos estudantes se querían que éstos tiveran razóns para apoialos. E entón ven cando Barja comete o que, o meu xuizo, foi un erro. Elixe non asegurar o apoio dos estudantes ó seu proxecto por evitarse tiras e afloxas en “palacio”. Apuntara ben que había que movilizar ó alumnado, pero pensou (ou pensaron por él, vai saber) que non sería tan importante iso de implicar persoalmente ós estudiantes. Unha campaña ben enmaquetada coas propostas para estudantes e o eventual(e hipotecario) apoio dalgunha forza estudiantil que garanta que as paradas de buses estean decoradas sería máis que suficiente.
E así foi, Barja foi o único que editou un periódico coas propostas para o sector estudantes nesta campaña. E as paradas de buses engalanáronse de manifestos cuxa mensaxe estaba ben clara: “Barja non é de dereitas. É a única razón que temos para pedirche o voto, así que imos poñer tanta información neste cartel que o final non informará de nada” A dereita, pola súa banda, aínda está aturdida dende que se desmoronou a sacro santa unidade herdada de Meilán, e a súa candidatura non contou coa capacidade organizativa nin coa experiencia electoral dos “anos escuros” da Universidade da Coruña. Pero había un escollo adicional para Barja: non era só cousa dos representantes do alumnado, a súa xente non estaba movilizada. Os profesores recoñecían un cambio de prioridades positivo na universidade, pero non se sentían implicados neste cambio. E cando os estudantes fomos quen de expoñer as nosas razóns para a nosa negativa a apoiar un proxecto no que non confiabamos o cen por cen, planeou durante semanas un clima tal de incertidume sobre o resultado das eleccións, que soaron as alarmas que predecían a posibilidade real dunha derrota. Esta incertidume traduciuse na movilizacion daqueles desilusionados, ou xa resignados, que decidiron votar a Barja ante a posibilidade de que volveran os tempos do silencio.
O resultado foi, como xa sabedes, que Barja será reitor catro anos máis. Pero xa non o é por un alude de votos dos estudantes. A minoría que sentiu que valía para algo votar non o fixo para decirlle Sí a Barja, senón para decirlle NON os herdeiros do anterior reitor, e este é un cambio cualitativo tan importante, que só pode ser rexeitado por quen non pretende cambios de fondo, senón tan só aplicar unha bonita capa de maquillaxe.
Este martes nas facultades da UDC non parecía estar pasando nada, e iso foi porque na universidade as cousas pasan, se pasan para os estudantes. Barja gañou en votos a Teijeiro, pero non foi capaz de facerse acreedor da confianza dos alumnos. E isto non só é un problema de lexitimidade, senón de saúde democrática. Agora quedará traballar porque non sexa un paso para acercarnos o modelo universitario que reza: “todo para os estudantes, pero sen os estudantes” porque entón estaremos alonxándonos da universidade como motor de cambio, de progreso…e a etapa de Barja na UDC , que todos recibimos como a posta en marcha da universidade pública, tan só quedará nun tímido cambio de formas.
Descargar Tarifas