PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
Emir Kusturica
'Cando me chaman tolo, din que o meu cine é inesperado, dionisíaco'

André Cunha 'É a miña luz preferida'. É unha lúa chea de ar, chea de luz, un balón sobrevoando a casa de Emir Kusturica, na aldea étnica de Drvengrad, na colina de Mecavnik, en Mokra Gora, o refuxio do realizador nas montañas serbias.

Reloxo 10.02.2008 | 11:00

Emir Kusturica Emir Kusturica. Eric Gaillard/Reuters

Non hai coincidencias inocentes co cineasta e músico. A lúa no ceo tamén estaba chea… Só faltaba un pouco máis de neve para o reflexo perfecto. Cada ángulo da aldea, que pode ser visitada por perto de dous euros, está montado para agradar o ollar do realizador. Tal como un escenario. Cada rúa procura un nome da súa xeografía intelectual e ideolóxica, surrealista para uns, controvertida para outros, idolatrada por outros aínda. Nada máis entrar, a rúa Ivo Andriç (Nobel da Literatura de 1961) abre o camiño até á pequena igrexa do Santo Saba (Kusturica é un cristián ortodoxo convertido). Á esquerda, descendendo a rúa Ernesto Che Guevara, chégase ao restaurante e a unha das salas de cinema. Fellini, Kubrick, pero tamén os heroes Maradona ou Bruce Lee teñen lugar nas rúas e pequenos largos do outeiro de casas de madeira onde existe tamén unha especie de hotel. O ruso Nikita Mihalkov, o convidado de honra do primeiro festival de cinema e música "Küstendorf", realizado a mediados de Xaneiro, tamén ten xa placa neste mapa.

O filme sobre Maradona, que estivo a facer, vaise estrear na próxima edición de Cannes?

Cannes non! Penso que é moito mellor ir á Arxentina, á Bombonera [Estadio do Boca Juniors], facer unha proxección para 50 mil persoas en vez de ir a Cannes…

Podería ser Pelé ou só podería ser Maradona?

Non quero dicir se Pelé foi ou non mellor xogador, pero a personalidade do Pelé non é tan interesante como a vida do Maradona. Todo é tan controvertido na vida do Maradona… Este lado controvertido fai que ti te sintas moito máis atraído para ver un filme sobre el.

Un dos seus próximos proxectos, divulgado por estes días, é filmar A ponte sobre o Drina, do escritor Ivo Andriç [editado en Galiza en 2007, por Rinoceronte]. Por que sente necesidade de filmar esta obra, por algúns chamada romance épico, histórico?

Esta é a biblia da nosa nación. Podemos dicir que toda a magnífica verdade sobre a nosa existencia, a nosa historia, a nosa forma de sufrir e de sobrevivir… A imaxe completa de nós é este libro: nada mellor que este libro describe a nosa traxedia, a nosa comedia, o noso sentido de surrealismo e o noso sentido da historia. Por iso eu entendo que máis cedo ou máis tarde teño que filmalo.

A súa mensaxe cultural e artística [dun home balcánico] acaba por ser máis facilmente comprendida e aceptada por Occidente ca os Balcáns en xeral, como realidade xeográfica, política e mesmo cultural. Cando se ouve dicir "serbios tolos", iso é dito cunha connotación negativa, pero cando os xornais do mundo escriben "Kusturica tolo", "espectáculo tolo", iso ten unha connotación moi positiva. Como explica este antagonismo?

Por causa da miña longa presenza no palco de Europa e de "Occidente", e tamén no "Leste". As persoas comprenden a miña linguaxe (…). É unha linguaxe moi específica e, logo dun longo período de tempo, as persoas habituáronse e, dalgunha forma, lévanse ben coa miña linguaxe. Cando ti dis "tolo" ou "non tolo", podes chegar á conclusión de que, na verdade, o que eu fago pode ser chamado de pouco habitual, inesperado, chamémolo dionisíaco. É algo que non é a linguaxe habitual dos media e do cinema occidentais. E é probabelmente por iso que, para algunhas persoas, o meu traballo é unha forma de refrescaren as súas vidas, quer coa música, quer co cinema.

Músico e cineasta

Emir Kusturica (Saraievo, 1954) é músico e director de cinema. Comezou a carreira cinematográfica na televisión e a súa primeira longametraxe de cinema, Lembras a Dolly Bell? (1981), obtivo o León de Ouro do Festival de Venecia. Máis popular aínda foi Papá vai de viaxe de negocios (1985), galardoada en Cannes coa Palma de Ouro. Underground (1995) e Gato negro, gato branco (1998) tamén son obras súas que figuran no palmarés dos premios internacionais. No noso país, a última estrea dun filme seu foi en 2004 con A vida é unha milagre.

Como músico é sobranceira a súa intervención na elaboración das bandas sonoras das súas propias películas e as doutros autores. O pasado 24 de xaneiro actuou na Coruña coa súa banda, presentando o espectáculo O tempo dos ciganos.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río