Redacción . A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, lembroulle ao presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, que o Decreto do uso do galego no ensino é un 'reflexo' do Plan de Normalización lingüística que el mesmo aprobou.
Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación.
En declaracións aos medios tras visitar a Escola Oficial de Idiomas de Vigo, a conselleira afirmou que o decreto "reflexa fielmente" o Plan de Normalización Lingüística aprobado por todos os grupos, incluído o PPdeG, no 2004.
Sánchez Piñón insistiu en que a non é máis que un "reflexo lexislativo" dese Plan, e "non di nin unha palabra máis nin unha palabra menos" do que di a norma que Núñez Feixóo apoiou no seu día co seu voto.
Por outra banda, a conselleira fixo referencia á denuncia feita pola CIG sobre a segregación por sexos nalgúns centros de educación privados que reciben subvención da Xunta. A ese respecto, recordou que o concerto está vixente desde 2005 e que, neste momento, tanto a Delegación como a Inspección de Educación "están avaliando se hai algún incumprimento".
Escolas de Idiomas
Tras a súa visita á Escola Oficial de Idiomas, Laura Sánchez Piñón destacou a acollida dos novos cursos de chinés, xaponés e español para estranxeiros, que só se imparten en Vigo e na Coruña, e recalcou que, grazas ao esforzo dos últimos anos, "por primeira vez dáse resposta a todas as demandas" en relación co estudo de idiomas en Galiza.
No centro de Vigo, que este ano cumpre o seu vixésimo aniversario, estudan case 4.500 alumnos, que cursan maioritariamente inglés, francés e galego. Ademais, nos últimos tres anos abriuse outra sección no IES Alexandre Bóveda da cidade olívica, e en localidades da área metropolitana como Cangas, Ponteareas ou Tui.
Segundo o director xeral de FP e Ensino Medio, Antonio Vázquez, con estas infraestruturas, as demandas de ensino de linguas en Vigo están "suficientemente cubertas", aínda que confirmou que se está estudando" a implantación de novas linguas, como árabe e ruso. Así mesmo, tanto el como a conselleira negaron que haxa alumnos que se quedaron sen matricular por falta de prazas.
Descargar Tarifas